Toca seguir falando de tecnoloxía e creatividade galega de vangarda, pero desta volta chegándonos dende Tenerife. Falamos de Dumy, un robot directamente encamiñado a facernos o día a día máis doado, tanto dos maiores da casa (pode facer cousas como lanzar avisos de emerxencia no caso de que detecte un problema de saúde) como dos máis pequenos (trátase dun robot interactivo con capacidade para levar a cabo xogos de todo tipo e mesmo para botar unha man nos estudos e nos deberes). Dumy é obra do galego Javier Lamas, afincado en Granadilla de Abona, en Tenerife. O alicerce do seu desenvolvemento, a base sobre a que se apoia, é conseguir achegar un gran de area para facer a tecnoloxía máis accesíbel para as persoas, mesmo para as que non están ao tanto nin do funcionamento básico da tecnoloxía actual. E con toda seguridade, si que o conseguiu.
Na orixe do proxecto hai, de feito, un importante compoñente democrático: non xurdiu do enxeño de Javier Lamas para axudar a colectivos específicos senón para botar unha man a todos os membros da súa familia. Polo tanto, ten aplicación en múltiples ámbitos e para todo tipo de demandas e requirimentos: cobre, por así dicilo, todas as habitacións dunha casa.
Dumy, que ten unha envergadura de 80 centímetros e dous quilos e medio de peso, funciona atendendo as nosas ordes de voz. Polo tanto, trátase dunha tecnoloxía que ceiba ao usuario dun coñecemento previo de linguaxes tecnolóxicas, comandos e interfaces. Tal e como dixemos, ten potencial para axudar aos máis pequenos, botándolles unha man cos deberes grazas á súa conexión directa con fontes referenciais de coñecemento, incluída a Wikipedia (en canto xorde unha dúbida e pregúntaselle por ela, Dumy tenta resolvela).
Asemade, o robot o acubilla un dispositivo de recoñecemento facial que lle permite identificar a persoa coa que interactúa. Por outra banda, é quen de xogar cos cativos e, tamén, de acompañar aos maiores nas súas tarefas diarias da casa, con todo o compoñente de seguridade e comodidade que isto pon en xogo: pode, por exemplo, avisar aos familiares ou ao persoal médico no caso de que haxa unha caída ou un problema de saúde. Tamén ten marxe de abondo para detectar se hai lume ou fume no fogar, ou mesmo servir de vixía para cando non esteamos no domicilio (ten modo “vixilancia no fogar). Por outra banda, é quen de manter unha simulación de conversa tirando proveito da tecnoloxía AIML, unha linguaxe que permite construír frases.

https://codigocero.com/Chega-Dumy-o-robot-galego-que-fai-os-deberes-cos-pequenos-e-coida-dos-maiores